A vila de Celanova xogou un triste e singular papel na
represión posterior ao golpe de Estado de 1936. O mosteiro converteuse nun dos
maiores cárceres do país e lugares como o Furriolo, en escenarios de crimes que
seguen impunes. A poboación viviu aterrorizada pola ameaza das armas e as
elites locais que apoiaron o golpe practicaron espolios e outros abusos.
Na comarca de Celanova houbo intentos notábeis para recuperar a memoria das
vítimas e rendéronselles xustas homenaxes. Nesa liña este Comité reiniciou o
traballo para seguir desvelando a verdade e completar accións de reparación.
Con ese fin impulsamos a seguinte declaración en demanda do cumprimento da lei
sobre memoria histórica:
As e os abaixo asinantes, diante da reclamación do Comité de Memoria Históricada Comarca de Celanova que promove a eliminación do monumento fascista da cruz
dos caídos levantada en agosto de 1939 por falanxistas no Outeiro da Obra no
termo municipal de Celanova, así como a resignificación do espazo como lugar de
memoria, expresamos o noso apoio e sinalamos que:
1. O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova acredita que o citado
elemento é un símbolo de exaltación falanxista da barbarie franquista e, polo
tanto, debe aplicarse a lei de memoria histórica en vigor desde o ano 2007.
2. O Concello de Celanova debe cumprir a lei como primeiro paso no
recoñecemento da dignidade das vítimas do franquismo e co horizonte de
satisfacer os principios de verdade, xustiza e reparación que impulsan o labor
dos colectivos memorialísticos ao abeiro das Nacións Unidas. Así mesmo, e
dentro do marco da lei, ten a obriga de elaborar un catálogo de símbolos
franquistas e ordenar a súa retirada; ademais da retirada de títulos
honoríficos e distincións se as houbese, agasallos e nomes de rúas que supoñan
a exaltación do golpe de Estado do 36 e da ditadura.
3. Animamos este Comité e as veciñas e veciños de toda a comarca a levantar o
manto de silencio que tapa as biografías de todas aquelas persoas que desde o
seu desempeño profesional, vital e político promoveron os valores republicanos
antes de 1936 e que foron represaliados polos golpistas e o poder ilegal que se
instaurou no Estado durante as catro décadas seguintes. E aconsellamos que se
sinalicen os lugares de memoria, especialmente as foxas, e que se traballe na
procura de familiares das vítimas. Alén do estrito cumprimento da lei, cómpre
tamén pedir da actual corporación unha declaración de honorabilidade da última
corporación republicana e dos funcionarios que foron represaliados.
Consideramos, xunto co Comité, que a eliminación do símbolo fascista que
alimentou o medo durante máis de oitenta anos é unha oportunidade para dialogar
co pasado, sobre todo con ese pasado que se nos negou: o das vítimas, como eses
7 últimos presos fusilados pola Bandera de Falange de Marruecos en setembro do
39, e cos legados de personalidades como Luís Soto, Pepe Velo, Celso Emilio ou
Xulio González, entre outros e outras que foron borradas da historia. E tamén
con ese outro pasado que nunca se cancelou de todo porque as destrucións e as
inxustizas seguen presentes e o poder que as causou segue presente.
Celanova, 16 de febreiro de 2021
Adhesiones (Pinchar para acceder al documento de adhesiones)
Resumo do Informe para a eliminación do monumento fascista no Outeiro da Obra, en Celanova
Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova
No hay comentarios:
Publicar un comentario