Lo Último

Mostrando entradas con la etiqueta Alejandro Lafuente Pose. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Alejandro Lafuente Pose. Mostrar todas las entradas

3509. Acto de colocación de stolperteine en recordo dos redondelanos deportados a Mauthausen

 

Redondela, 27 de xaneiro de 2024 - Fotografía de José Manuel Rodríguez Crespo


María Torres - Redondela, 27 de xaneiro de 2024

 

Hoxe é un día importante. Grazas ao Concello e ao Colectivo Republicano de Redondela por facer posible que hoxe esteamos aquí, nun acto de recordo, recoñecemento e homenaxe.

 

Para min é a culminación dun traballo que comezou hai anos, cando inicie a investigación da historia de vida e morte dos deportados de Pontevedra.

 

Hoxe é o Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto.

 

Hoxe, Olimpio, Antonio, José María e Alejandro regresan a casa, á súa terra, tras décadas de esquecemento. Redondela, o concello que os viu nacer, mantén hoxe viva a súa Memoria coa colocación de catro stolpersteine, que formarán parte do memorial polas vítimas do holocausto máis grande do mundo. Serán as primeiras stolpersteine, e espero que non as últimas, da provincia de Pontevedra.

 

Isto non sería posible sen a total implicación do Colectivo Republicano de Redondela e en especial de Pedro Vieitez. Nunca tan poucos fixeron tanto. A eles debémoslles que a Memoria de Olimpio, Antonio, José María e Alejandro permaneza xa para sempre en terra galega. Tamén debemos sinalar a valiosa colaboración do Concello de Redondela.

 

A pesar dos anos transcorridos hai que involucrar ás xeracións futuras para previr; hai que rexeitar a quen nega o ocorrido e condenar calquera manifestación de intolerancia. Por último hai que honrar a memoria das vítimas para que non sexa esquecida.

 

Gustaríame pedir ao Concello de Redondela que se sumase ao Día Internacional en Memoria das Vítimas do Holocausto, e que declarase a partir de agora, todos os vinte e sete de xaneiro, día do recordo aos seus catro veciños que foron confinados nos campos de concentración nazis, como o veñen facendo desde hai anos multitude de municipios do Estado español cos seus deportados.

 

A estrutura ética dunha sociedade pode esborrallarse con facilidade. No século vintiun deberiamos pensar que agora non hai espazo para a intolerancia, pero estamos a asistir a unha visión terrible: a intolerancia está asentada na política, atenaza ás minorías, aos refuxiados, aos que con diferentes a rancios canons establecidos. Por iso agora máis que nunca debemos defender os dereitos humanos, os valores universais dun mundo baseado na xustiza e a igualdade. Os mesmos valores polos que loitaron os nosos deportados e deportadas en Europa. Debemos adquirir o compromiso moral e a responsabilidade de non esquecer, de non esquecerlos.

 

Tampouco debemos esquecer que os deportados e deportadas aos campos nazis non só son vítimas do nazismo, tamén o son do franquismo. O Goberno franquista que detentaba o poder en España desde a finalización da Guerra en abril de mil novecentos trinta e nove, tivo coñecemento de que miles de españois foron feitos prisioneiros polos nazis sen que en ningún momento preocupase a súa situación nin pola salvagarda dos seus dereitos amparados pola Convención de Xenebra.

 

Sabemos, en base aos feitos e os documentos, que os españois e españolas foron deportados por unha decisión política de Franco, Hitler e Pétain. Por iso  recibiron un trato diferenciado do resto dos prisioneiros. Hoxe sabemos que as autoridades franquistas tiñan coñecemento do destino que se reservaba a este colectivo de españois xa que foron consultadas polo goberno alemán. Non se prestou a estas persoas ningunha protección. Isto conduciu aos exiliados españois, aos combatentes españois, aos campos nazis. Sufriron persecución, explotación polo traballo, deportación e para a maior parte deles, a consecuencia foi a morte tras un sufrimento inconmensurable. Foron deshumanizados, escravizados e a súa vida non tiña ningún valor.

 

Malditas as democracias europeas responsables da catástrofe; maldito Franco que non se conformou coa vitoria e decidiu a aniquilación dos perdedores; maldita Francia, que non socorreu a estas persoas, denominando A Retirada como «invasión de bandidos e asociales españois, asasinos de relixiosos e xentes de orde», internándolles como gañado en condicións deplorables.

 

Cando morreu o ditador Franco, os deportados, estes homes e mulleres que tanto sufriron, membros dunha xeración desgraciada como poucas, seguiron sepultados no esquecemento. A transición e a democracia convertéronse para eles nunha nova e máis dolorosa traizón.

 

Ao redor de douscentos galegos sufriron o inferno nazi. Preto de 40 naceron na provincia de Pontevedra.

 

Talvez a moitos lles pareza unha cifra insignificante, pero pódovos asegurar que non o é. Son vidas que quedaron atrapados entre dúas guerras, que representan a derrota republicana, o racho da distancia da terra pola que loitaron para alcanzar unha sociedade máis libre. Exiliados que chegaron como puideron a Francia, ou ao Norte de África, fuxindo da represión franquista en busca dunha liberdade incerta e coa morna esperanza de iniciar unha nova vida. Pero nin tan sequera isto foilles permitido.

 

Algúns dos que sobreviviron á deportación, partícipes da vitoria sobre o nazismo, recibiron medallas, foron heroes de guerra, da resistencia, da liberación, da liberdade e con todo ninguén na súa cidade, no seu país, acordouse deles, salvo as autoridades franquistas que durante moitos anos foron engrosando cos seus nomes e interminables ordes de busca e captura os negros expedientes sumarísimos daquel tempo de infamia.

 

Todos sufriron o silencio, a desmemoria e a dolorosa morte lenta pero irremediable do exilio. Francia e as mesmas democracias que abandonaran á súa sorte á República española, sepultaron a súa loita e comezaron a ver no franquismo un aliado afín aos seus intereses.

 

Hoxe é un día importante. Reconstruímos as vidas de Olimpio, Antonio, José María e Alejandro e dámolas a coñecer. Estamos a facer Memoria e Xustiza. Estamos a devolverlles as capas de humanidade que lles foron arrebatadas polos nazis cando foron convertidos en tan só un número.

 

Insisto, debemos ser conscientes de que temos o compromiso moral e a responsabilidade histórica de non esquecer, porque nesta España tan precaria en memoria, temos que seguir insistindo en que o esquecemento é inadmisible.

 

Debemos ser conscientes, tamén, do fráxil que é a liberdade da que gozamos.

 

Espero e desexo que sexamos capaces de estar vixiantes, de retomar o camiño que os nosos deportados e deportadas trazaron e que non lles esquezamos nunca.

 

Nunca mais!

 

Moitas grazas.











3507. A besta do fascismo

 

 O Colectivo Republicano de Redondela fieis ás actividades en pro da recuperación da memoria histórica e das súas páxinas en branco, máis amargas e duras da recente historia de España, do esquecemento oficial nas que estaban sumidas, organiza en colaboración co Concello de Redondela, un acto memorialístico que consiste na instalación dos adoquíns da memoria (Stolpersteine) que terá lugar o vindeiro sábado 27 de xaneiro do 2024, as 12:00 horas no Multiusos da Xunqueira (Redondela).


O Evento está adicado á lembranza dos nosos veciños: Olimpio Míguez Pazos, Antonio Piñeiro Otero, José María González Vázquez e Alejandro Lafuente Pose. Este acto forma parte dunha iniciativa internacional, que consiste na construcción dun monumento descentralizado, o máis grande do mundo sobre o holocausto nazi, do que entra a formar parte o Concello de Redondela e que ten como finalidade perpetuar a memoria dos cidadáns represaliados e asasinados nos campos de exterminio nazi e do fascismo en xeral.

 

Con motivo de este acto, o Colectivo Republicano de Redondela tamén pretende espallar, para non repetir os mesmos erros do pasado, o coñecemento do holocausto español, episodio pouco difundido e moi descoñecido por todos. Caso extraño, si consideramos que este holocausto no só tivo lugar durante a Guerra ou nos campos de concentración nazis. O fascismo matou a miles de españois na II Guerra Mundial, pero tamén antes, durante a Guerra de España do 36, e despois na longa noite de pedra da postguerra e posterior ditadura franquista. En calquera democracia plena, podería supoñerse que se fai todo o posible para reparar o sufrimento causado e o descoñecemento dos feitos acontecidos. Pero en España isto non pasa, aínda hoxe en pleno século XXI, unha Lei de 1977 prohibe xulgar aos verdugos, torturadores e xenocidas do réximen franquista. Miles de persoas executadas ilegalmente están soterradas sin que se poida poñer aos seus asasinos ante a xustiza por delitos contra a humanidade ou polo menos devolver os seus ósos e restos as familias.

 

Organizacións como Amnistia Internacional e Nacións Unidas demandaron ao Goberno español que investigue estes crímenes e derogue a Lei de Amnistia, pero todo é en balde baixo “o palio” neste país. O motivo de semellante atropelo é que a suposta democracia chegou a España en 1978 a cambio da demanda de esquecer. Hoxe ainda moitos dos nosos políticos, empresarios, sacerdotes, xuíces e por suposto a monarquía son herdeiros naturais ou espirituais do franquismo. A estafa da modélica Transición, mellor chamada Transación, para que o poder económico do franquismo espertara ao día seguinte bañado por un verníz de legalidade democrática, para seguir mandando económica e políticamente ata hoxe, o que se dice, atado e ben atado.

 

Quizais a xeración da Transición prometeu esquecer, pero as novas xeracións non fixemos esa promesa. A nosa promesa é outra, a de non calar, a de berrar, a de contar e transmitir. Doutra forma, os asasinados, os superviventes e os seus descendentes vivirían o mesmo destino, esquecidos e podrecindo no máis fondo do caixón escuro da nosa historia.

 

Salvando a distancia daquela época de entreguerras, o estado de ánimo colectivo da poboación hoxe, ten moito que ver co odio e a destrucción. O fascismo instalouse na nosa sociedade e manifestase a través da corrupción, a propagación da infamia, as mentiras e o acoso. O fascismo non só é un desfile de camisas negras ou azuis cos brazos levantados, tamén é unha forma de vivir e relacionarse, unha forma destructiva de estar en comunidade nunha sociedade, unha enfermidade contaxiosa que ataca e arrasa por igual as persoas de diferentes ideoloxías, Un cúmulo de pequenas cegueiras e pequenas covardías, que sumadas unhas ás outras fan que camiñemos pasiño a pasiño cara ao abismo do chapapote fascista.

 

Hoxe en día, o pantasma do fascismo esténdese por todo o mundo, individuos de dudosa calaña como Bolsonaro, Trump, Viktor Orban, Marine Lepen, Giorgia Meloni, Javier Milei, Abascal e outros son referentes da brutalidade política, da falta de empatía, apoderándose das institucións, das organizacións públicas, dos medios de comunicación, das redes sociais, pero tamén dos nosos espazos cotiáns como os bares e as rúas. É a vida fascista que nos rodea, entre o descoñecemento xeneralizado, a corrupción institucional normalizada, a falsidade, o acoso nos medios de comunicación, a violencia de xénero e agresividade consumista, a besta fascista foise amamantando e contruindo.

 

No noso país o neofascismo ou postfranquismo vai encaixando como unha pedra de muiño nunha sociedade pasota, que soluciona os problemas nos bares ou sentados fronte un ordenador atrincherado na calor do fogar e no anonimato. Capaces de aceptar calquera noticia sin contrastar ou debater, ou de aceptar todo tipo de bulos con resignación. Quizais sean moitos os anos de Salvame Deluxes, Anarosas, Formigueiros, Indas, Ferreras, Aguirres, Ayusos, Cayetanas, Bárcenas, Gurtels, Púnicas. Moitos anos desinformando, dende o engano, as mentiras e o desprezo, moitos anos incubando os ovos da besta do fascismo, co obxetivo de dirixir e manipular o medo ao outro, o desprezo ao diferente, ao inmigrante o engano da meritocracia, o empobrecemento cultural e sobre todo odio, moito odio.

 

Dicía Mario Benedetti “como culpar o vento pola desorde feita, si fomos nós quenes deixamos a fiestra aberta”. Só hai unha forma de estar seguro de non repetir os erros do pasado, aprender deles, lembrando e non esquecendo. Entre todos podemos pechar a fiestra para que non entre a besta do fascismo, senón pode que xa non quede ninguén.



Colectivo Republicano de Redondela







3502. O Colectivo Republicano de Redondela e o Concello de Redondela andan a procura de familiares dos deportados de Redondela no Holocausto nazi



O COLECTIVO REPUBLICANO DE REDONDELA E O CONCELLO DE REDONDELA ANDAN A PROCURA DE FAMILIARES DOS DEPORTADOS DE REDONDELA NO HOLOCAUSTO NAZI

 

O pesadelo dos republicanos españois e o dos galegos en particular que dende febreiro de 1939 encheron os campos de acollida franceses, tras a saída de España fuxindo da represión dos fascistas e vencedores da Guerra de España, que non se conformaron con gañar, tiñan tamén que exterminar. Nomes vergoñentos para a nación francesa como Argelès-surMer, Le Barcarès, Gurs, Saint-Cyprien e outros tantos, de ingrato recordo pos refuxiados republicanos e para o goberno francés, liberal conservador do momento presidido por Daladier, que chegou a tratar os refuxiados republicanos como "extranxeiros indeseables".

 

Ainda e todo, o verdadeiro inferno estaba por chegar para tantos e tantos galegos e españois en agosto de 1940, momento no que Francia é ocupada polos alemáns. Tras a invasión alemá e coa complicidade do goberno títere de Vichy, moitos foron detidos e internados en campos de prisioneiros de guerra (stalags), pero pronto perderían esta condición e serían deportados principalmente ao campo de concentración de Mauthausen, e demais campos da morte e exterminio do III Reich, onde foron empregados como man de obra escrava en canteiras, fábricas ou construción de infraestruturas. O exceso de esforzo, a falta de alimentos, o frío, os malos tratos e as enfermidades arrebatáronlle a vida a máis da metade deles. Dos poucos superviventes, a maioría sufriron secuelas de por vida.

 

Dos case douscentos galegos deportados, só regresaron con vida do inferno nazi arredor de 60 deportados. Coñecemos os seus nomes, as súas orixes, se morreron ou non, pero dende o Colectivo Republicano de Redondela coa colaboración do Concello de Redondela pretendemos dar un paso o fronte e vamos a instalar 4 Stolpersteine (adoquíns da memoria) en Redondela, en lembranza permanente os deportados redondeláns para dignificar a súa memoria e a de todos aqueles que sufriron baixo a barbarie fascista.

 

Dende o Colectivo Republicano de Redondela e o Concello de Redondela solicitamos a axuda dos cidadáns de Redondela, para atopar os familiares dos catro veciños da nosa localidade que foron deportados o campo de concentración de Mathausen-Gusen e que poden poñerse en contacto conosco a través dos correos electrónicos:


rcolectivorepublicanodredondela@gmail.com e cultura@redondela.gal ou no propio concello.

 

Os datos dos catro deportados de Redondela que temos a nosa disposición son os seguintes:

 

OLIMPIO MARINO MIGUEZ PAZOS: Nado en Redondela o 8 de setembro do 1908. Os seus país, Juan Míguez Reboredo e Josefa Pazos Barros, irmáns Teresa, Constante, Antonio e Manuel (xemelgos), Ramona, Juan e Ramón. No censo de 1920 residen na Rúa da Prata número 11 de Redondela.

 

ANTONIO PIÑEIRO OTERO: Nace o 5 de agosto de 1912 en Chapela. Os seus país, José Piñeiro Cabaleiro e Gumersinda Otero Cabaleiro, irmáns Carmen, Eugenio e Josefina. No censo de habitantes de 1920 figuran que residen na Rúa da Iglesia número 9 de Chapela.

 

JOSÉ MARÍA GONZÁLEZ VÁZQUEZ: Nado en Quintela, o 24 de setembro de 1914. O seu pai, Joaquín González Morais da Rocha, é natural do concello portugués de San Miguel de Prado. A sua nai, Regina Vázquez Fernández e veciña de Cedeira. Ten un irmán , Alvaro e dous hermanastros por parte de nai: Serafín e Sabino. Se coñece a existencia de outra irmán, María del Carmen. No padrón de 1920 indicase que a familia reside na Rúa Quinteiro número 47 de Quintela.

 

ALEJANDRO LAFUENTE POSE: Nace o 4 de Maio de 1909 en Redondela. Fillo de Ramón Lafuente Lago (Vigo) e Aurora Pose (Redondela). Coñecese a existencia de tres irmáns: Manuel, José, desaparecido en Vigo cando contaba 15 anos e Juan. Nos anos trinta a familia Lafuente Pose reside no número 7 da Rúa Hirmandiños de Vigo. É o único que sobreviviu o inferno de Mauthausen, liberado o 1 de xuño de 1945, é repatriado a Francia. O 19 de xuño de 1950 parte para Arxentina. Descoñécese campo tempo estivo en Arxentina, dende onde retorna a España.

 

 

Colectivo Republicano de Redondela 

Concello de Redondela